LugoPatrimonio :: Asociación Cultural
Xoves, 03 Xaneiro 2008 23:00

Os nosos pazos

 

O 28 de decembro do 2007, o Presidente da nosa asociación (Lois Diéguez), Vicepresidente (Adolfo de Abel) e vocal (Carlos Ferreiro) tiveron unha entrevista cos delegados devanditos para coñecer a súa opinión a respecto de incluír a Proposta de Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico na Lei do Patrimonio e tamén na de Turismo, das que neste momento se está a estudar a súa revisión.

Chocou que o delegado de Cultura, dado que estaba de baixa por enfermidade, non mandase a esta reunión un representante, pois era parte fundamental para definir a súa posición.

Consideramos positiva esta reunión na que quedou patente o interese dos dous delegados restantes non só na proposta de Ben Rural senón na actuación directa sobre a intervención que se lles pedía en varios campos do noso patrimonio. A este respecto, a contestación do Delegado de Industria e Turismo, Ramón Cortés Máñez, quedou fixada nos seguintes puntos: 

A través da Dirección Xeral de Turismo: 

  • Colaboración puntual naqueles eventos turístico-culturais que se celebren ó longo do ano
  • Potenciar as Declaracións de Festas de Interese Turísticos daqueles eventos ben documentados a fin de revitalizar festas e tradicións seculares.
  • Tratar de introducir na nova lei de Turismo as  actuacións culturais que servan para revitalizar zonas que presenten festas e tradicións, a fin de institucionalizar a recuperación de tradicións e  costumes de evidente sentido cultural.
  • Colaborar con todas aquelas asociacións ou grupos cuxo obxectivo sexa a recuperación do patrimonio inmaterial.
 

A través da Dirección Xeral da Sociedade da Información: 

  • Potenciar en colaboración cos concellos e as asociacions culturais aulas informáticas introducindo a figura de dinamizadores socio-culturais.
 

A posición do delegado de Medio Rural, Emilio López Pérez, quedou fixada no seguinte texto:

  • Disposición dos Centros de Desenvolvemento Comarcal da provincia de Lugo a recoller exposicións e presenza permanente das actividades relacionadas co Patrimonio Inmaterial.
  • Edición de folletos, documentais e traballos gráficos e de imaxe elaborados sobre ritos e festas de tradición secular.
  • Intervención nos núcelos rurais e nas infraestruturas dos espazos xeográficos relacionados coa celebración das festas e ritos aos que se fai referencia na proposta de LugoPatrimonio.
  • Atención inmediata aos proxectos que detalladamente presenten as Asociacións que protagonicen a celebración dos actos referenciados.
 

Non cabe dúbida de que as Asociacións protagonistas das Fachas de Castelo, o Entroido de Salcedo ou o Ribeirao de Chantada, das Danzas da Cervela ou do Meco e as Pampónigas da Ermida..., teñen campo abonado para se sentir protexidos e axudados nas súas actividades. O noso agradecemento, pois, aos delegados das Consellarías e a nosa chamada máis animada a todoas as Asociacións que veñen traballando duro e en solitario durante tantos anos.

 

 


Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.


Desde ben antigo, Galiza foi producindo bens patrimoniais materiais e inmateriais que axudaron a conformar a nosa personalidade nacional. A través dos séculos, uns foron desaparecendo asimilados por outras culturas, outros mantivéronse e moitos deles sofren neste momento ameaza de desaparición definitiva. Convén decatarse tamén, de que a maior parte dos que, a duras penas subsisten, conformáronse na cultura primeira que tivo asentamento rural. É neste ambiente, pois, onde se verifica hoxe  a súa existencia, de aí a definición de “Ben rural de interese cultural e etnográfico” que propoñemos.

Esta nova figura definiríase para os seguintes obxectivos:

  1. Recoñecer a importancia que ten o Ben declarado para a nosa nación, pois forma parte das singularidades que como tal nos definen.
  2. Protexer, potenciar e consolidar o Ben declarado de forma que se asegure a súa permanencia.
  3. Incidir en todo tipo de estudos que leven a un coñecemento máis profundo do Ben declarado

O primeiro punto acadaríase coa propia declaración oficial como “Ben rural de interese cultural e etnográfico”.

O segundo conlevaría as seguinte condicións xerais:

  1. A Administración (Consellaría de Cultura) participaría dalgún xeito no órgao popular de dirección do Ben Inmaterial, co obxectivo da súa potenciación e consolidación.
  2. As distintas administracións, prioritariamente as Consellarías de Medio Rural e Industria (D.X. de Turismo), intervirían tamén con orzamentos anuais que potenciarían as infraestruturas e economía da zona xeográfica onde existe o Ben declarado.
  3. O obxectivo, globalmente, non é somente distinguir de xeito teórico o Ben de que falemos, senón construír ao seu redor un programa económico que acabe desenvolvendo a zona, fixando poboación nese contorno e incidindo na toma de  conciencia dos valores construídos ao longo da historia polo pobo galego. .

Son estes principios xenéricos que se detallarían polo miúdo para completar a figura de “Ben rural de interese cultural e etnográfico”. Desde LugoPatrimonio facemos proposta ás distintas consellarías para que se cree a devandita  figura, animados polo traballo e necesidades que hai neste momento en celebracións como O Entroido de Salcedo (Pobra do Brollón), As Fachas de Castelo (Taboada), ou as Danzas da Cervela (O Incio), por poñer só uns exemplos (esta última a piques de desaparecer ou transformar a súa pureza secular)..

Lugo,  decembro do 2007
O Presidente de LugoPatrimonio

Asdo: Lois Diéguez


A asemblea celebrada na noite de onte por LugoPatrimonio elixiu por aclamación unha nova directiva que quedou formada por: 

Presidente: Lois Diéguez (escritor)

Vicepresidente: Adolfo de Abel Vilela (historiador)

Secretaria: Tareixa Cabello de la Torre (profesora)

Tesoureiro: Xosé Anxo Lence (empregado)

Vocal: Sabela Rodríguez Campo (funcionaria)

Vocal: Orlando Viveiro Veiga (etnógrafo)

Vocal: Carlos Ferreiro Rubianes (profesor) 

Esta directiva é a primeira que se elixe despois da que fundou a propia Asociación e nun momento en que esta, a pesar da súa curta vida (foi creada o ano pasado), aparece xa como consolidada no panorama cultural especializado na defensa do patrimonio galego. 

Como proxectos globais para o ano 2008 aprobouse un apertado calendario de traballo para tratar de que se aprobe polas Consellarías correspondentes unha lei que defina unha nova figura dentro do noso patrimonio: Ben rural de Interese Cultural e Etnográfico. E dentro deste proxecto unha colaboración estreita coas Asociacións que levan a cabo as Festas e Ritos que determinan tamén a nosa cultura propia: As Fachas de Castelo (Taboada), O Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), O Meco e as Pampórnigas (Quiroga), O Entroido Ribeirao (Chantada), e as Danzas da Cervela (O Incio).  

Como proxectos inmediatos para o primeiro trimestre do ano que vén aprobáronse as seguintes actividades:

Xaneiro: dentro do ciclo “coñecer as nosas cidades” viaxarase a Ourense para facer un itinerario relacionado con monumentos e personaxes e visitar o famoso Belén do escultor Arturo Baltar así como unha exposición do mesmo autor que inaugurará dentro duns días. Previamente á viaxe haberá dúas conferencias relacionadas coas xeracións de literatos e artistas que configuraron a forte personalidade desta cidade a través da súa historia, e con fotos e proxeccións do itinerario que se seguirá por Ourense (incluído tamén o da novela de Blanco Amor “A Esmorga”). 

Febreiro: dedicado ao patrimonio inmaterial, presentarase o Entroido de Salcedo (A Pobra do Brollón) en colaboracións coa Asociación que programa os actos deste ano. Proxectaranse videos do sonado Oso de Salcedo por parte do Presidente e secretario e o luns de Entroido, día 4 de febreiro, viaxaremos a Salcedo para gozar, cos viciños e festeiros, o atraínte percorrido deste animal-personaxe que nos leva a tempos que se perden na nosa propia historia. O fin de LugoPatrimonio é que esta festa ritual sexa declarada Ben Rural de Interese  Cultural e Etnográfico. 

Marzo-Abril: Dedicarase a un Taller do Barroco, con conferencias sobre os séculos en que floreceu (s. XVII e XVIII), e outras que estudarán as Festas, Arquitectura, Pintura e Música dese período da historia. Haberá, tamén, proxeccións didácticas, un concerto de música en escenario barroco (posibelmente no mosteiro de Samos), e viaxes a Santiago de Compostela e outra cidade aínda sen deteminar, enfocadas para valorar na súa xusta medida este estilo arquitectónico que deu gloria internacional á inspiración dos nosos grandes arquitectos galegos.  

Lugo, 12 de decembro do 2007

O Presidente

Asdo: Lois Diéguez

 

 


Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Domingo, 18 Novembro 2007 23:00

Pauliña para a Confederación Hidrográfica


A Confederación Hidrográfica vén de esnaquizar un fermoso lavadoiro no barrio de San Lázaro, situado mesmo á beira do que foi Hospital de peregrinos e rentes do Camiño Primitivo de Santiago. Este lavadoiro foi construído en 1956 e representa, xunto con tantos outros distribuídos polo concello, un xeito de contestar ás necesidades e usos colectivos. Se non damos valor a aquilo que fixemos e nos distingue e imos esnaquizando construcións populares cuxo uso mudou, axudaremos tamén a borrar os testemuños do noso pasado. No catálogo de bens de interese que se anexa ao actual PXOM, recóllese apenas un lavadoiro e a maior parte das nosas construcións populares (cruceiros, fontes, lavadoiros, petos de ánimas...) seguen sen fixarse e a mercede, por tanto, de quen as queira destruír, como agora fai a Confederación Hidrográfica. Sería esta unha ocasión axeitada para que os distintos organismos que teñen responsabilidades nestes feitos (Consellaría de Cultura, Patrimonio, Concellos...) actualicen a catalogación dos nosos bens cun sentido máis acaído á sensibilidade de quen, co seu traballo, segue a velar pola nosa cultura e patrimonio.

Lugo, 19 novembro 2007

Venres, 09 Novembro 2007 23:00

O Courel

Mércores, 17 Outubro 2007 23:00

Francisco Carballo


(Celeiro de Asadur (Maceda-Ourense)), 1925. Historiador e teólogo. Fixo estudos de Teoloxía e Historia en Madrid, Salamanca e Roma. Como profesor traballou no Ensino Medio en Vigo e nas Universidades desta mesma cidade e Pontificia de Salamanca. Foi reitor de Teologado en San Vicente de Paúl, Salamanca. De 1969 a 1973 encargouse da equipa de Estudos do Terceiro Mundo na cidade de Roma. A Igrexa galega (1995)  e outros importantes traballos (Castelao sen manipulación, A nosa literatura…) distíngueno como un dos mellores analistas non só da Igrexa en si, senón tamén da propia historia da Galiza.

 

 


 

 

  • Pola historia ancestral que a celebración desta festa das Fachas representa, pois toma o rito do lume como os nosos devanceiros idearon, e fai dos nosos castros focos de luz e espacio onde nos topamos cos cimentos da nosa cultura máis profunda.
  • Polo traballo e a celebración que os homes e mulleres de Castelo realizan desde vello, mantendo así a tradición e actualizando cada ano a ofrenda ao propio sentir, mesmo con dificultades e escasos medios.
  • Polo significado que esta celebración ten de diferenciación cultural dentro da ampla personalidade das culturas nacionais, europeas e mundiais, pois arrima así color e pluralismo fronte á pobreza da uniformidade global.
  • Para que esta celebración do rito sexa potenciada, e embeba de orgullo a nosa mocidade, e axude a fixar esta no ámbito rural até agora escarnecido, e cree riqueza económica tamén, e volva a quentura e alegría natural das distintas xeracións aos fogares hoxe esboroados…

… por isto

as asociacións culturais “As fachas” de Castelo (Taboada), e Lugopatrimonio

proclamamos a necesidade de que esta FESTA DAS FACHAS sexa declarada BEN DE INTERESE CULTURAL E FESTA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGOS.

 

Castelo, Lugo, a 7 de setembro do 2007

Asdo.:

O Presidente da A.C. As Fachas
Francisco Rodríguez

O Presidente de LugoPatrimonio
Lois Diéguez

Sábado, 25 Agosto 2007 23:00

Fachas de Castelo 2007

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia de Rosa Meijide Failde, catedrática de Hidroloxia Médica na Facultade de Fisioterapia da Universidades da Coruña, sobre “O papel dos balnearios na vida romana”. +

    Día 9, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Rosa Meijide Failde, catedrática de Hidroloxia Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. Na convocatoria diráse o lugar do xantar. +

    Día 12, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Asemblea xeral e festa dos socios. Na convocatoria Ler Máis
  • Día 13, sábado ás 14,30 horas Se é posible xantar no Balneario. Confirmarase. Pola tarde visita aos Baños romanos. Actuación do grupo de música clásica Esemble Bóreas. +

    Día 13, sábado ás 14,30 horas Se é posible xantar no Balneario. Confirmarase. Pola tarde visita aos Baños romanos. Actuación Ler Máis
  • 1

Faite Socio

Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.

Ver +info

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO